martes, 13 de outubro de 2015

As persoas, o medio ambiente e a democracia antes que os beneficios e os dereitos das corporacións - Manifesto da Acción Global contra o TTIP, do 10 ao 17 de outubro de 2015

Manifesto ¡NON ao TTIP!
As persoas, o medio ambiente e a democracia antes que os beneficios e os dereitos das corporacións


1 . Quen somos?

Somos unha campaña formada por organizacións da sociedade civil que comparten unha profunda preocupación polas diversas ameazas que suscitan o Acordo Transatlántico de Comercio e Investimento (Transatlantic Trade and Investment Partnership – TTIP , polas súas siglas en inglés, tamén coñecido como Tratado de Libre Comercio Transatlántico ou TAFTA) e o acordo con Canada (Comprehensive Economic and Trade Agreement – CETA). Representamos intereses públicos moi diversos, incluíndo a protección do medio ambiente, a saúde pública, a agricultura, os dereitos dos/as consumidores/as e a protección das normas alimentarias e agrícolas, as normas sociais e laborais, os dereitos das persoas traballadoras, os dereitos das mulleres e a loita contra a dominación patriarcal, o acceso público á información e os dereitos dixitais e a defensa dos servizos públicos esenciais como a educación e o control público e social dos sistemas financeiros, o benestar animal, entre outros.
Temos o firme compromiso de rexeitar as actuais negociacións sobre o TTIP, para garantir un debate político transparente e democrático. Todos os acordos deben servir ao interese público e ao noso futuro común.

2 . Que é o TTIP?

O TTIP é un acordo de gran alcance que se está a negociar actualmente entre a Comisión Europea (en nome dos Estados membros da Unión Europea -UE) e o goberno dos Estados Unidos de América (EUA). Non se trata das barreiras ao comercio como os aranceis, que xa son en xeral moi baixos entre a UE e EUA. Céntrase sobre todo nos regulamentos, normas, dereitos corporativos e garantías de investimento. O TTIP ten como obxectivo, supostamente, facilitar o investimento directo e a eliminación de obstáculos burocráticos innecesarios para o acceso ao mercado para as empresas de ambos lados do Atlántico.

Os indicios dos que se dispón -provenientes das empresas e a industria que está a participar dalgún xeito nas negociacións- revelan que o enfoque sobre as barreiras non arancelarias e a converxencia da regulamentación entre ambas partes estase utilizando para impulsar o desregulamento, unha visión dos dereitos de propiedade intelectual que só fomentan monopolios, e unha carreira para igualar dereitos e estándares á baixa. Os supostos beneficios económicos non teñen fundamento e, en calquera caso, son marxinais para a sociedade en xeral, até no caso de que fose certo o que contan os defensores do acordo respecto diso. Máis ben, todo indica que os obxectivos do acordo ameazan importantes dereitos adquiridos nas longas loitas democráticas e os intereses sociais da cidadanía da UE, dos EUA e do resto do mundo.

As negociacións estanse a facer a porta pechada, sen unha consulta pública efectiva. Os parlamentos nacionais non son informados sobre os detalles dos textos de negociación da Comisión. Os fragmentos de información que foron publicados -ou filtrados- xeran considerable inquietude.

3 . Que nos preocupa?


* A falta de transparencia e de procedementos democráticos, o que fai imposible á cidadanía e á sociedade civil seguir as negociacións para garantir que os intereses públicos están a ser protexidos. Actualmente estas negociacións están moi nesgadas: grupos de presión empresariais teñen acceso privilexiado á información e oportunidades para influír nas negociacións.

* O capítulo proposto sobre protección de investimentos e en particular a inclusión dunha disposición sobre o mecanismo de Solución de Diferenzas entre o Estado e o Inversor (ISDS). O ISDS brinda aos inversores dereitos exclusivos para demandar aos Estados cando consideren que algunha decisión democrática -realizada por institucións representativas e para o interese xeral- se considera que pode ter impactos negativos nas súas ganancias presentes ou futuras. Estes mecanismos baséanse en xuízos fóra dos tribunais nacionais. Con iso socávanse os sistemas legais das nacións, así como a soberanía democrática da sociedade para a formulación de leis e políticas de interese público.

* A creación de novas estruturas antidemocráticas de goberno, e de procedementos que teñen como obxectivo “harmonizar os regulamentos” como o Consello de Cooperación Regulatoria. Estas estruturas permitirían que as decisións tomadas no marco do TTIP sexan constantemente coaccionadas en segredo por burócratas non electos e grandes lobbies empresariais. Estas estruturas non democráticas ameazan con rebaixar importantes normas e regras deseñadas para a protección dos intereses públicos, ou prohibir futuras melloras, independentemente da súa necesidade e do mandato público. Tamén nos preocupa o obxectivo de fortalecer a protección dos “dereitos de propiedade intelectual”, que tal como está formulado, ataca algúns dos nosos dereitos básicos como a saúde, a educación, a cultura e a liberdade de expresión.

4 . Demandas e obxectivos compartidos:

Sobre a base dos valores da solidariedade internacional, a xustiza social, a sustentabilidade ambiental e o respecto de todos os dereitos humanos, traballamos cos nosos aliados nos Estados Unidos, Europa e outras partes do mundo, esixindo:

a) Transparencia inmediata: faranse públicos os textos de negociación da Comisión, así como todos os documentos de negociación para permitir un debate público aberto e crítico sobre a TTIP e o CETA.

b) NON ao ISDS: opoñémonos a estes mecanismos de solución de discrepancias entre o estado e o inversor e mantemos con firmeza a soberanía das nosas sociedades e dos nosos pobos para a toma de decisións na defensa e mellora do interese público e do ben común por encima dos intereses privados.

c) NON ao Consello de Cooperación Regulatoria: toda a regulación das operacións comerciais, as condicións do comercio e o establecemento de estándares de produción do produto deben estar en mans dos órganos e procesos controlados democraticamente.

d) NON ao desregulamento e á rebaixa dos estándares de protección e ao servizo do interese público: o nivel das normas sociais e laborais, dos consumidores e da saúde pública, a protección do medio ambiente, incluíndo a rexeneración dos nosos recursos naturais, o benestar animal, as normas sanitarias dos alimentos e as prácticas agrícolas ambientalmente sostíbeis, o acceso á información e ao etiquetado, á cultura e á medicina, a regulación do mercado financeiro, así como a protección de datos e outros dereitos dixitais que se deben mellorar, e non «harmonizar» até o máis baixo común denominador. O recoñecemento mutuo de estándares non é aceptábel na medida en que socava os niveis de protección acordados democraticamente. Hai que garantir que se aplica o principio de precaución.

e) Non existe peor desregulamento que a privatización dos servizos públicos. Defendemos o acceso universal a unha educación de calidade, á atención á saúde e outros servizos públicos como instrumentos para soster a reprodución social da vida e como unha contratación pública que promove o emprego local e as economías locais, a discriminación positiva, o emprendemento social, a economía sostíbel, o coidado das persoas e ao servizo do interese público.

Neste sentido hai que ter presente que os efectos da privatización dos servizos públicos en diferentes ámbitos teñen un especial impacto nas condicións de vida e de traballo das mulleres.

f) A promoción de prácticas agrícolas sostíbeis co medio ambiente e a protección da pequena agricultura familiar.

g) As institucións públicas deben manter o poder político e as estruturas necesarias para protexer certos sectores sensíbeis e salvagardar as normas importantes para a nosa calidade de vida. As normas laborais e ambientais internacionalmente acordadas deben ser respectadas. A violación continua das normas do traballo debe ser obxecto de sancións.

Finalmente defendemos a construción dunhas relacións e políticas comerciais entre os nosos pobos que poñan en primeiro lugar as persoas e o planeta, garantindo:

* os dereitos humanos universais e inalienábeis de todas as persoas, incluídos os dereitos a unha alimentación adecuada, auga, saúde, dereitos sexuais e reprodutivos, integridade física e psíquica, roupa, vivenda, educación, protección social, mobilidade, cultura, lecer e un medio ambiente limpo;

* un traballo decente, que permita á xente vivir unha vida digna, incluíndo unha renda adecuada e os dereitos laborais;

* o recoñecemento do traballo reprodutivo e do coidado e dos traballos informais de servizo ás persoas e á comunidade. Garantir unha redistribución equitativa e unha reorganización socioeconómica, de forma que non recaian en exclusiva nas mulleres as tarefas do benestar cotián, así como a igualdade de salarios para homes e mulleres;

* unha transición a unha economía de baixas emisións de carbono, que non se basee nun consumo excesivo, senón no uso social e ecoloxicamente responsábel dos recursos, e que permita unha vida digna sen poñer en perigo o apoio doutras persoas, xeracións futuras, así como da agricultura, da flora e a fauna;

* lograr unha democratización significativa en todos os niveis de toma de decisións;

* a loita contra a pobreza e o establecemento de novas relacións de solidariedade e equidade entre homes e mulleres e coas persoas doutras rexións e o respecto dos dereitos das persoas refuxiadas e inmigrantes;

* o aumento global do nivel de benestar económico, social e ambiental.

---

Enlaces de interese:

Campaña internacional:
https://www.trade4people.org/

Galiza di non ao TTIP:
http://nonaottip.96.lt/

---